Thursday 18 de April de 2024

Boqueixón ofrecerá bonificacións fiscais de ata o 95% ás empresas que se instalen no municipio e xeren postos de traballo


O Pleno aprobou por unanimidade a modificación das ordenanzas do IBI, ICIO e IAE dacordo co proxecto Concelllo Doing Business Galicia

O Pleno de Boqueixón aprobou onte por unanimidade a modificación das ordenanzas fiscais do IBI, ICIO e IAE. Estas contemplan bonificacións de ata un 95% para aquelas empresas que se instalen no municipio e que, en verbas do alcalde, Manuel Fernández Munín, “fomenten a implantación e fixación de empresas no municipio e a creación de postos de traballo”.

Ao mesmo tempo, dende o Concello “reduciranse os tempos administrativos para informar de proxectos de obra maior, estipulándose un máximo de 30 días naturais dende a recepción de todos os informes perceptivos”. Estas medidas seguen o protocolo de actuación asinado entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia para poñer en marcha o proxecto Concello Doing Business Galicia.

O Grupo Popular e Veciñ@s de Boqueixón tamén deron luz verde unánime á adhesión do Concello á central de contratación da FEMP. Outro dos puntos de acordo no pleno ordinario do mes de maio foi a aprobación do convenio asinado con Telefónica Móbiles, SA polo arrendamento dun espazo para a colocación dun servizo de telecomunicacións en Loureda. Neste caso, acórdase que a empresa deberá abonar unha cota anual de 1.800 máis o IVE correspondente polo uso de dito terreo.

Refuxio de Bando

O Pleno boqueixonés tamén aprobou por unanimidade á adhesión á Fundación Refuxio de Animais de Bando (Santiago). O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón, Xabier Canabal, solicitou máis información sobre esta adhesión, xa que o Concello decidira no ano 2011 irse do patronato.

Sobre esta cuestión, o alcalde explicou que “no seu día marchamos porque nos resultaba caro o seu mantemento. Agora, para dar cumprimento á nova Lei de Benestar Animal fixemos unha comparativa de prezos entre o servizo de lacería que tiñamos contratado e o custo do Refuxio de Bando, e vimos que era máis asequible e que ofrecía todas as garantías”. Así, o Concello de Boqueixón pasará a pagar “unha cota fixa anual de 1,6 € por habitante, que sumaría un total de 6.918 euros, e unha variable, cun custo de 34 € por animal ingresado no refuxio”.

A Corporación municipal tamén acordou establecer algún tipo de medidas de para crear una campaña de concienciación veciñal sobre a importancia de coidar axeitadamente das mascotas.

Aprobación de obras

Meirande debate suscitou a aprobación da modificación orzamentaria para a aprobación de actuacións por valor de preto de 500.000 euros. Mentras que o grupo de goberno defendía a necesidade de desenvolver todas as actuacións, dende Veciñ@s de Boqueixón, Xabier Canabal argumentaba o voto en contra por “non ser máis creativos e facer apostas diferentes ás obras, como, por exemplo, unha liña de transporte urbano no municipio”.

Sobre isto, Manuel Fernández Munín argumentou que para poñer en marcha ese tipo de servizos “hai que comprobar a súa viabilidade real. Todos os proxectos que se contemplan neste punto son necesarios para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, concluíu.